Compostela Rupestre presenta un informe coas necesidades do patrimonio arqueolóxico da zona

O concello de Ames acolleu este martes unha nova xuntanza do Consello de Dirección de Compostela Rupestre, a primeira presidida polo seu tenente de alcalde David Santomil, co obxecto de dar o visto bo ao informe que detecta as necesidades máis urxentes dos bens patrimoniais. Na xuntanza, acordouse acelerar a elaboración dun plan de xestión co fin de asentar a constitución do parque arqueolóxico.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira e o deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas ademais de persoal técnico do departamento de turismo participaron na reunión xunto con representantes dos cinco concellos implicados.

Na xuntanza, presentouse o informe final elaborado pola empresa Horizonte Norte por parte do arqueólogo director, Mario César Vila que explicou as liñas fundamentais dun documento que detecta as necesidades máis urxentes dos bens patrimoniais de Compostela Rupestre.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou a rigorosidade do informe presentado e urxiu a “acelerar a elaboración do plan de xestión que consolidaría o proxecto e facilitaría tamén a tramitación administrativa de todas as fases contempladas, desde a compra de terreos até a posta en marcha de estratexias de aproveitamento e posta en valor do patrimonio, de carácter turístico, educativo, de divulgación científica e mesmo de implicación da veciñanza”.

O presidente do Consello de Dirección de Compostela Rupestre, David Santomil, apuntou a “necesidade de preservar a seguridade dalgúns dos bens patrimoniais”, en especial, despois das agresións producidas nalgúns dos petroglifos do territorio, como foi o caso do petroglifo do Vilar en Ames no ano 2013 ou no petroglifo do Castriño de Conxo no 2019.

O informe presentado por Mario César Vila contempla a revisión documental, catalogación, selección de cara a posta en valor e adquisición de terreos dos petroglifos e xacementos rupestres catalogados nos cinco concellos integrantes da mancomunidade da comarca de Compostela.

O documento será a base para a elaboración dun plan de xestión para conservar e difundir a arte rupestre nos cinco concellos, financiado e promovido pola Deputación da Coruña, que será obxecto de licitación neste ano 2020.

O equipo responsábel do traballo detectou tamén petroglifos inéditos e propuxo medidas correctoras urxentes como a limpeza de vexetación da contorna, información aos propietarios da existencia dos bens, fotogrametría de detalle e a diagnose dos elementos e propostas de conservación.