Composto un grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo

1 minutes read

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago veñen de acordar a composición do grupo de oito expertos que analizará as últimas evidencias en torno ás estatuas de Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo, e valorará liñas de acción conxuntas de cara a súa recuperación para o dominio público.

A equipo estará presidido polo profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) Emilio Grandío Seoane. Como expertos do ámbito da xurisdición civil e penal estarán os letrados da Asesoría Xurídica da Xunta Isabel Novo Castro e Guillermo Folgueral Madrigal, o exdirector da Asesoría Xurídica do Concello de Santiago Xoaquín Enrique Monteagudo, o actual director, Manuel Cutrín, e o catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Busto Lago. No eido cultural e artístico, participarán o director de Proxectos Culturais e Artísticos do Real Colexio Complutense de Harvard, Francisco Prado-Vilar, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. Ademais destes expertos, integrarase tamén neste grupo unha representación da Avogacía do Estado. A función da Secretaría será exercida pola xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

A constitución deste grupo de traballo xurde da necesidade de cooperar e avanzar de xeito conxunto entre as distintas administracións para analizar a nova documentación atopada, defender a protección patrimonial das estatuas e acadar acordos que resulten beneficiosos para a cidadanía a través dun labor serio e rigoroso grazas ao asesoramento destes especialistas xurídicos e históricos. O grupo de expertos constituirase oficialmente os vindeiros días, coa celebración da súa primeira reunión.