A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo un encontro de traballo con representantes de Alas Coruña, entidade que forma parte, xunto con outras 7 organizacións, do Observatorio autonómico contra a discriminación das persoas LGTBI e coa que a Xunta colabora desde hai 5 anos na promoción de actividades de divulgación dos seus dereitos.
A Xunta mantén un firme compromiso na loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero que implica de xeito transversal a todos os seus departamentos. Galicia é referente por contar cunha lei propia que consolida este principio de igualdade para as persoas LGTBI.
“A inclusión social plena, con independencia da diversidade de orientación sexual e de identidade de xénero constitúe unha das prioridades deste Goberno”, trasladou López Abella ao remate do encontro, á vez que anunciou que a Xunta está a traballar “cóbado con cóbado” con asociacións, organizacións e colectivos LGTBI.
No Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, ademais de Alas Coruña, toman parte as entidades Casco (Comité Antisida da Coruña), Les Coruña, Avante LGTBI, a Rede Educativa de Apoio LGTBI de Galicia, Chrysallis (asociación de familias de menores transexuais) e a asociación Pvlse Vigo Queer LGTBIQ+. Este órgano conta cunha dotación orzamentaria propia de 15.000 euros este ano e está a iniciar a elaboración do seu informe trianual en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta, tal e como precisou López Abella.