Compromiso coa conservación das canles fluviais a través do proxecto Mil Ríos


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reiterou o compromiso do Goberno galego coa conservación das canles fluviais a través do proxecto Mil Ríos, unha iniciativa que, cun orzamento de 5 millóns de euros de fondos europeos, ten como obxectivo a restauración destes ámbitos, o incremento da biodiversidade e a optimización da conectividade ecolóxica.

Durante unha visita ás actuacións realizadas ao abeiro desta iniciativa no río Mera con motivo da celebración do Día mundial de acción polos ríos, Ángeles Vázquez subliñou que os traballos, cuxo prazo de execución remata en 2024, pretenden controlar as especies exóticas invasoras; revitalizar a vexetación natural; recuperar a continuidade fluvial, evitando a compartimentación e illamento das poboacións piscícolas; mellorar os hábitats fluviais; seguir e testar as especies migradoras e protexer os ámbitos fluviais de alto valor ecolóxico.

O proxecto Mil Ríos mellorará 470 quilómetros de 50 cursos fluviais galegos e a zona húmida da lagoa de Cospeito, aumentando a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático. Nesa liña, as primeiras actuacións estanse a realizar en 16 ríos das 4 provincias mellorando máis de 952 hectáreas ao longo de 260 quilómetros de tramos fluviais.