Compromiso da Xunta coa recuperación da fachada marítima da Coruña


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta coa recuperación da fachada marítima da cidade da Coruña, ofrecendo a maior achega económica e unha folla de ruta completa para a urbanización dos peiraos.

Explicou que a recuperación da fachada é posible tras lograrse o compromiso do ministro de Transportes para executar a conexión ferroviaria de Punta Langosteira, cun investimento de 140 M€ a cargo dos fondos de reconstrución Next Generation.

Destacou que o Goberno de España debe xa dar pasos firmes e avanzar nesa conexión ferroviaria aprobando o proxecto e iniciando os trámites expropiatorios necesarios.

A este respecto, Ethel Vázquez sinalou que o Goberno galego estará vixiante para que se liciten as obras xa en xullo, tal e como vén reivindicando e se ten comprometido o Ministerio, xa que cómpre garantir a viabilidade desta infraestrutura, vital para o crecemento económico da provincia e de Galicia.

Unha vez ratificado o compromiso estatal da conexión ferroviaria, a conselleira remarcou os dous convenios que a Xunta lle presentou o venres ao Ministerio de Transportes para xestionar os peiraos interiores, que quedarán libres co traslado das empresas ao porto exterior.