Compromiso da Xunta para financiar o 90% do orzamento para redactar o PXOM de Negreira


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao alcalde de Negreira, Ángel Leis, o seu apoio para que se sume á listaxe de concellos con Plan xeral de ordenación municipal (PXOM).

A conselleira e o rexedor asinaron o convenio de colaboración polo que a Xunta se compromete a financiar o 90% do orzamento necesario para redactar o PXOM, un total de 126.522 euros. Ángeles Vázquez indicou que esta colaboración non só se restrinxe ao ámbito económico, senón que se estende á oportunidade de manter un contacto permanente e directo coa Dirección Xeral de Ordenación do Territorio para resolver todas as dúbidas que se presenten ao longo deste camiño.

Deste xeito, animou ao alcalde de Negreira a traballar con rigor e constancia e recordou que tras a sinatura do convenio, o Concello xa pode licitar o contrato para a redacción do PXOM e superar así o primeiro escollo para acadar o principal obxectivo: contar cun Plan xeral de ordenación municipal actualizado e acorde á normativa vixente.

O convenio de colaboración establece catro anualidades que se farán efectivas a medida que a entidade local acredite a superación das mesmas. Así, a primeira poderá aboarse este mesmo ano, en canto o Concello firme o contrato de redacción; a seguinte (2022) será coa entrega do borrador e do documento inicial; a terceira (2023) coincidirá coa certificación da aprobación inicial; e a última (2024) dividirase en dous pagamentos: o momento no que se certifique a aprobación provisional polo órgano municipal e cando se acade a aprobación final por parte da Consellería.