Nos últimos tempos son constantes as visitas do goberno e dos técnicos municipais a Baldaio para ver como evoluciona a situación provocada pola desaparición da canle que comunicaba a lagoa co mar, e que leva xa varios meses taponada. Dada a falta de competencias do Concello de Carballo para intervir nese ámbito, o alcalde, Evencio Ferrero, está en contacto permanente co xefe da Demarcación de Costas do Estado, Rafael Eimil, que se comprometeu a realizar unha intervención tan pronto como a Xunta a autorice, xa que calquera actuación nese ámbito debe contar coa autorización de Conservación da Natureza.
Evencio Ferrero volveu a achegarse este xoves ata Baldaio acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, dada a preocupación do Concello de Carballo polas consecuencias que está a ter e as que poida chegar a acadar a acumulación de auga. O alcalde volveu a insistir ao xefe da Demarcación de Costas do Estado na urxencia de adoptar algunha medida, pero Conservación da Natureza da Xunta aínda non emitiu informe ao respecto.
Ao mesmo tempo, tras o acordo ao que chegou a xefa territorial de Medio Ambiente coa asociación ecoloxista Arco Iris a finais do mes pasado para crear un grupo de traballo, no que o Concello de Carballo tamén se ofreceu a colaborar, estaba prevista unha primeira xuntanza para o pasado día 8, pero foi aprazada para o mes que vén. Por parte do Concello xa se ofreceu cando empezou a acumularse a area a realización dun estudo segundo o cal só faría falla un investimento de 6.000 euros para liberar a canle, pero foi rexeitado polo organismo autonómico. Agora o problema é moitísimo maior e aquela cantidade, absolutamente insuficiente.