Compromiso entre o Concello de Vimianzo e Rede Aberta para despregar canto antes a rede de fibra

Concello de Vimianzo_Google Maps

  • Desde o executivo local afirman que levaban “moito tempo na busca dunha solución para dotar deste servizo a toda as parroquias e lugares do municipio”

A empresa de telecomunicacións Rede Aberta adquiriu un compromiso co Concello de Vimianzo para iniciar o despregamento da rede de fibra de xeito inminente, cunha primeira fase que rematará no verán e que afectará ao núcleo da localidade. Noutra intervención, tamén nesta primeira fase e que se elaborará a posteriori, achegarase a fibra ata o Val de Vimianzo por completo e a parroquia de Calo.

Este venres celebrouse unha xuntanza onde participaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez; a técnica municipal Lorena Cernadas e varios membros do equipo técnico de Rede Aberta, que xa está solicitando permisos para poder acometer estas actuacións.

Desde o Concello informan de que se levaba “moito tempo na busca dunha solución para dotar deste servizo, aínda máis necesario neste contexto, a toda as parroquias e lugares do municipio”. Actualmente, o núcleo de Vimianzo non posúe fibra en todas as rúas, e con este plan agardan “dar unha cobertura integral a toda esta zona”. A idea é continuar coas actuacións despois da tempada estival para poder chegar de xeito progresivo ao resto de parroquias vimiancesas.

Subvención wifi 4U
Outro dos puntos que se tratou na reunión foi a subvención concedida á Administración local para dotar a Vimianzo de puntos públicos, tanto interiores como exteriores, con redes wifi abertas. Nunha primeira revisión acometeranse os traballos para deixalos finalizados antes de febreiro de 2022.