- Desde o executivo local afirman que levaban «moito tempo na busca dunha solución para dotar deste servizo a toda as parroquias e lugares do municipio»
A empresa de telecomunicacións Rede Aberta adquiriu un compromiso co Concello de Vimianzo para iniciar o despregamento da rede de fibra de xeito inminente, cunha primeira fase que rematará no verán e que afectará ao núcleo da localidade. Noutra intervención, tamén nesta primeira fase e que se elaborará a posteriori, achegarase a fibra ata o Val de Vimianzo por completo e a parroquia de Calo.
Este venres celebrouse unha xuntanza onde participaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez; a técnica municipal Lorena Cernadas e varios membros do equipo técnico de Rede Aberta, que xa está solicitando permisos para poder acometer estas actuacións.
Desde o Concello informan de que se levaba «moito tempo na busca dunha solución para dotar deste servizo, aínda máis necesario neste contexto, a toda as parroquias e lugares do municipio». Actualmente, o núcleo de Vimianzo non posúe fibra en todas as rúas, e con este plan agardan «dar unha cobertura integral a toda esta zona». A idea é continuar coas actuacións despois da tempada estival para poder chegar de xeito progresivo ao resto de parroquias vimiancesas.
Subvención wifi 4U
Outro dos puntos que se tratou na reunión foi a subvención concedida á Administración local para dotar a Vimianzo de puntos públicos, tanto interiores como exteriores, con redes wifi abertas. Nunha primeira revisión acometeranse os traballos para deixalos finalizados antes de febreiro de 2022.