Compromiso para a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na entrada de Vimianzo

2 minutes read

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, reuníronse coa Conselleira de Infraestruturas, Éthel Vázquez, para trasladarlle varias demandas no que a protección do peón e condutor, así como á reordenación do tráfico, se refiren.

O groso da xuntanza non era outro que trasladarlle á Conselleira a posibilidade de levar a cabo unha importante intervención na AC-552, que da entrada a Vimianzo, á altura da Fonte dos Cabalos, entre os PQ 66,1 e PQ 66,7.

Comprometeuse a posta en marcha da redacción do proxecto das dúas rotondas que “suporán unha mellora na seguridade viaria nun punto moi conflitivo e onde se precisa a instalación de elementos que minoren a velocidade dos vehículos”, subliñaron.

A rexedora, Mónica Rodríguez, quixo agradecer “a disposición da Conselleira de Infraestruturas, Éthel Vázquez, á hora de escoitar as nosas demandas”, enfatizando que “a pesar de que os puntos a tratar nesta xuntanza son varios, o máis relevante nestes momentos é o proxecto de mellora da seguridade viaria na AC-552 na entrada de Vimianzo”.

Outros puntos a tratar

Tanto a alcaldesa como o edil de Obras trasladaron tamén á Conselleira de Infraestruturas a necesidade de repavimentación na capa de rodaxe nas vías de titularidade autonómica AC-552, que vai a Fisterra, e AC-432 que vai a Camariñas. Vázquez recalcou que “xa hai instrucións de que se leve a cabo a execución de ambas intervencións”.

Por outra banda, tamén se trasladou a necesidade de actuar en dous puntos críticos dentro do ámbito municipal: o cruce de Berdoias que une a AC-411 -que vai de Muxía a Santiago de Compostela- coa AC-552 -que vai de Vimianzo a Fisterra; así como tamén en Baíñas, onde conecta a AC-411 cunha estrada municipal.

Vázquez comprometeuse a estudar todos os puntos que foron tratados na reunión, aspecto que agradeceron tanto Rodríguez como Pérez, recalcando que “proxectos que redunden no benestar da veciñanza, a protección do peón e mellora da seguridade viaria son prioridade para nós”.