Compromiso para finalizar a última fase das obras da travesía de Sísamo, en Carballo

2 minutes read

Tal como comprometera o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Asociación de Veciños de Sísamo na súa última visita ao municipio, a institución provincial financiará en 2023 a terceira e última fase das obras da travesía de Sísamo.

O proxecto vén de ser aprobado no pleno deste xoves e suporá un importante investimento de 2,4 millóns de euros, dos que a Deputación achegará 1.789.000 euros para a execución das obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento na estrada provincial DP 1901 Carballo-Sísamo, mentres que o Concello de Carballo financiará con 652.006 euros a dotación de servizos como saneamento e abastecemento de auga, instalación de mobiliario urbano e xardinería.

As obras de reurbanización parten do punto quilométrico 0,8 (final da segunda fase) no entronque co acceso ao instituto de Monteneme e continúan até o final do vial no lugar de Outeiro (PK 2,5, mellorando e completando as infraestruturas tanto no tramo máis urbano coma no rural e adpatando a vía á mobilidade urbana a un ou dous niveis, dependendo da zona.

As obras seguirán a mesa liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidraúlica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento, abastecemento de auga e alumeado con luminarias de LED de acero inoxidable.

Autoridades e veciños de Sísamo na sede da Deputación da Coruña.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o investimento total das tres fases (2,7 millóns de euros de fondos provinciais e 652.000 do Concello de Carballo) farán desta obra un dos investimentos máis importantes acometidos pola Deputación na rede provincial de estradas nos últimos anos.

Pola súa banda, o alcalde Carballo, Evencio Ferrero expresou a súa satisfacción polo cumprimento desta vella demanda da veciñanza de Sísamo, ademais de manifestar a disposición do goberno municipal a seguir colaborando coa Deputación da Coruña na mellora da ampla rede de estradas provinciais que dsicorren polo municipio carballés.