Comunicados catro focos positivos por SARS-CoV-2 en granxas de visóns galegas

Cedida.

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia de catro focos de positividade por SARS-CoV-2 en granxas de visón americano galegas. Todas se atopan na provincia da Coruña: dúas en Abegondo, unha en Santiago e outra na Baña.

Así, nunha das explotacións de Abegondo -que conta con 5.555 visóns- detectáronse 10 positivos, mentres na outra desa localidade -con 5.310 animais- houbo dous positivos por SARS-CoV-2. Canto ás instalacións de Santiago -cun total de 19.231 visóns censados- detectáronse dous positivos. No que respecta á da Baña -que ten 6.500 visóns- houbo catro positivos.

A detección destes focos realizouse no marco das actuacións levadas a cabo por Medio Rural desde o ano pasado ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) -dependente do Ministerio de Sanidade- e no que colaborou activamente Galicia. Estas accións, nas que está implicada tamén a Consellería de Sanidade, inclúen non só a toma de mostras rutineiras nos animais cunha periodicidade quincenal senón tamén a realización de probas aos traballadores das granxas.