A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia de dous focos de positividade por SARS-CoV-2 en dúas granxas de visóns americanos situadas no concello coruñés de Abegondo.
Así, nunha das explotacións -que conta con 10.742 visóns, dos cales 1.996 son reprodutoras, 12 son machos e 8.734 son crías- detectouse unha mostra positiva; mentres que na outra granxa -que conta con 1.970 visóns, dos cales 478 son reprodutoras, 100 son machos e 1.392 son crías- detectáronse seis mostras positivas.
A detección realizouse no marco das actuacións levadas a cabo por Medio Rural desde o ano pasado ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) -dependente do Ministerio de Sanidade- e no que colaborou activamente Galicia. Estas actuacións, nas que está implicada tamén a Consellería de Sanidade, inclúen non só a toma de mostras rutineiras nos animais cunha periodicidade quincenal senón tamén a realización de probas aos traballadores das granxas.
En aplicación do citado programa, as granxas foron inmobilizadas de inmediato e procederase a continuar a vixilancia e control por parte dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, de acordo ao citado programa de prevención, vixilancia e control en España, para realizar un seguimento e determinar as actuacións a levar a cabo.