Co inicio do proxecto de trazado, avanzan os accesos ao novo CHUAC


Unha vez que o Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana informou favorablemente sobre a alternativa viaria recollida no plan de interese autonómico, que está agora mesmo en proceso de información pública, a Xunta xa pode avanzar neste proxecto. Garántese a integración e a funcionalidade dos accesos do novo Hospital Público da Coruña, unha vez analizadas ata 20 alternativas e decidindo, finalmente, asumir a titularidade de 3 quilómetros da AC-12 -a avenida da Pasaxe, entre a intersección coa avenida de Oza e a ligazón coa AC-11 en Ponte Pasaxe- para desbloquear o desenvolvemento dos viarios.

A alternativa, elixida entre un total de 20 propostas, prevé, como solución para a conexión da AC-12 e o hospital, un ligazón tipo trompeta que incorpora unha glorieta fronte ao hospital así como unha nova ponte sobre esta vía. No estudo de tráfico e mobilidade comprobouse que esta solución responde satisfactoriamente, non só ao réxime de tráfico actual, senón ao fluxo de tráfico futuro que considera un aumento do número de usuarios e traballadores do novo hospital.

Así mesmo, habilitarase un anel perimetral en sentido horario que se cingue ao mínimo para desenvolver o edificio de investigación causando así un menor impacto social. Ademais, propóñense como medida de mellora impoñer un só sentido en avenida Lamadosa, mellorando os niveis de servizo. Esta alternativa prevé, así mesmo, 1.400 novas prazas de aparcamento como mínimo e garante unha maior funcionalidade e integración na paisaxe e un menor impacto social.