Dentro da programación ofertada pola Asociación Vieiro a todos os Concellos da Comarca de Bergantiños sobre prevención de adiccións con e sen substancia, esta entidade impartirá os próximos días 26 de maio e 2 de xuño ás 19:30 horas un ciclo de conferencias informativas, dirixidas ás familias en modalidade presencial. O acto, que contará con todas as medidas de seguridade adaptadas á prevención do contaxio do covid-19, terá lugar no salón de actos do edificio de servizos múltiples de Coristanco, esta actividade enmárcase dentro da programación da Concellería de Cultura do propio Concello.
Na xornada do día 26 de maio, que leva por título: Con sumo coidado, abordarase a temática relativa ás substancias, os efectos e as consecuencias do seu consumo, incidindo no alcol, tabaco e cannabis, así como as pautas sobre a detección sobre o seu consumo.
O obxectivo desta charla é dotar de estratexias e ferramentas ás familias para poder abordar calquera problema de adicción con coñecementos e armas suficientes, xa que aínda que a prevención de condutas adictivas é tarefa de todos, a familia ten un papel indiscutible nela.
A segunda xornada, que terá lugar o día 2 de Xuño, e que leva por título Mar de Redes, versará sobre o uso seguro das novas tecnoloxías. Nela abordaranse diversos aspectos coa finalidade de dotar de coñecementos básicos ás familias achega do mundo dixital dos/as menores e as ferramentas tecnolóxicas que máis estes/as utilizan. Abordaranse distintos contidos acerca de como informar sobre a mellor maneira de educar e formar aos/as menores no uso responsable das novas tecnoloxías, conceptos tecnolóxicos que os/as menores empregan na súa vida cotiá, riscos asociados a unha utilización irresponsable dos dispositivos e o uso da internet. Trátase de ofrecer ás familias unha información que poida facilitarlles a toma de decisións con respecto ao uso das novas tecnoloxías por parte dos/as menores.
A encargada de impartir este ciclo de conferencias será Miriam Romero Traba, educadora social da Asociación Vieiro.