Conceden licenza para a demolición dun edificio ruinoso situado no número 4 da rúa da Saúde de Carballo

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local vén de conceder a licenza para a demolición do edificio situado no número 4 da rúa da Saúde, na esquina coa rúa Cinceiro, un inmoble que leva anos en estado de abandono e que no seu día foi sede das oficinas do Instituto Nacional da Seguridade Social en Carballo.

A autorización permitirá poñer fin á situación de deterioración dun edificio sobre o que o Concello xa viña realizando actuacións urbanísticas polo seu mal estado. As antigas dependencias do INSS funcionaron neste emprazamento ata 1998. O edificio data, segundo a información catastral, do ano 1940. Trátase dunha construción entre medianeiras formada por planta baixa, primeira planta e baixo cuberta, cunha superficie construída total de 326,50 metros cadrados. O inmoble non está incluído no catálogo de bens do PXOM nin conta con ningún tipo de protección urbanística.

O prazo máximo establecido para iniciar os traballos é de tres meses desde a notificación da licenza.

Na sesión deste luns, a Xunta de Goberno autorizou a reforma do edificio situado no número 22 da praza de Galicia para convertelo nun despacho de panadería. A actuación está promovida por Panadería Roiser S.L. e ten un orzamento de execución material, para os efectos da ordenanza fiscal municipal, de 87.204 euros.

O proxecto mantén a configuración e a volumetría exterior do edificio. A planta baixa destinarase á atención ao público e as plantas superiores funcionarán como almacén vinculado ao establecemento. Non haberá fabricación nin elaboración de produtos no local, polo que tampouco se instalará forno nin maquinaria de produción.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou as licenzas de construción de dúas vivendas unifamiliares, unha na rúa Severiano Soutullo de Bértoa e outra no lugar de Paraíso, na parroquia de Verdillo.