- Na Xunta de Goberno local tamén se concedeu outra licencia para transformar unha vivenda nunha casa de hóspedes
O Concello de Camariñas aprobou este venres en Xunta de Goberno Local a concesión da licencia para a construción do primeiro albergue turístico do municipio, que estará situado en Area da Vila e que será bautizado como ‘Devalar do Mar’.
O arquitecto deste novo proxecto, Maximino Manuel Aguiar Baña, presentou unha proposta para a creación dun espazo multiexperiencia que disporá dun total de 15 habitacións: 11 dobres e 4 múltiples, sumando un total de 46 prazas.
Ademais, na Xunta de Goberno tamén se concedeu outra licencia para transformar unha vivenda nunha casa de hóspedes na rúa Ramón Noguera. O proxecto, baixo a proposta dos arquitectos Diego Freire e Soledad Pérez Méndez, realizarase baixo o nome de ‘O mar de preciosa’.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, destacou a importancia de que “continúe aumentando a oferta de aloxamentos turísticos no municipio para responder á afluencia de visitantes que se prevé no verán».