- A edificación terá unha superficie de 2.605 metros cadrados
A Xunta de Goberno Local da Laracha concedeu, na súa última sesión ordinaria, unha licenza de obra para a construción dunha nave industrial no parque empresarial da Laracha. A nova edificación estará composta por dous volumes de diferentes alturas e contará cunha superficie total de 2.605 metros cadrados. Levantarase nunha parcela que alcanza os 7.490 metros cadrados.
Esta nave destinarase, principalmente, a almacenamento e tamén disporá de oficinas para a xestión da propia actividade que se desenvolverá nela.
O Concello mostrou a súa satisfacción por conceder esta nova licenza urbanística que permitirá activar máis o polígono creando «novas oportunidades para beneficiar o movemento económico e xerar emprego no termo municipal».