Concedidas 16 axudas para crear novas casas niño

Cedida.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a resolución das axudas para a creación de 16 novas casas niño no rural e acadar as 93 en toda a Comunidade. As casas niño son un servizo de atención á infancia para os concellos do rural que ofrecen unha atención totalmente gratuíta para as familias, próxima e individualizada para os máis pequenos. Cada centro pode acoller ata a cinco nenos. Trátase dun programa pioneiro que ten como obxectivo dotar a todos os concellos de Galicia dun servizo de conciliación.

En concreto, as persoas beneficiarias proxectan a apertura de casas niño en oito concellos da provincia de Ourense (Entrimo, Maside, A Mezquita, A Veiga, Quintela de Leirado, Monterrei, Castrelo de Miño e Pontedeva), catro na de Lugo (Samos, Castroverde, Rábade e O Incio), tres na Coruña (Paderne, Frades e Santiso) e un en Pontevedra (Cuntis). A partir de agora contarán cun prazo de dez días para aceptar a axuda. Así mesmo, terán dous meses para achegar toda a documentación requirida se non o fixeron no momento da solicitude e acreditar que o inmoble onde se vai poñer en marcha o servizo está acondicionado.