Entre as actividades subvencionables figuran a realización de podas e actuacións de formación e control da copa; a aplicación de tratamentos fitosanitarios; as accións de conservación e mellora do entorno; iniciativas de divulgación e sinalización; e a execución de estudos.
Cómpre lembrar que todos os elementos subvencionables están recollidos no Catálogo galego de árbores senlleiras, un rexistro público de carácter administrativo no que se inclúen todas aquelas árbores e formacións que en atención ás súas características excepcionais, merecen unha protección especial.
Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, na que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables. Nestes momentos, o catálogo suma xa 183 elementos —145 árbores e 38 formacións— pertencentes a 79 especies diferentes.