Concedidas 49 axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais

1 minutes read

Trátase da segunda liña de axudas impulsada pola Xunta, dirixida á mellora dos sistemas de abastecemento xestionados por comunidades de usuarios.

Destas axudas, un total de 44 foron outorgadas a comunidades de usuarios da provincia de Pontevedra e as restantes 5 foron concedidas a comunidades pertencentes á provincia da Coruña.

Esta liña de axudas vai destinada a impulsar actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga xestionadas por comunidades de usuarios, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Estes incentivos cubrirán o 80% do financiamento das actuacións, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios beneficiaria da subvención, sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

O 40% do importe da convocatoria, é dicir, 200.000 euros, ía destinado ao financiamento de proxectos de comunidades de usuarios de ata 50 membros. Os outros 300.000 euros, o 60% restante, estaba dirixido ás actuacións de comunidades de usuarios con máis membros.

Para poder optar a estes incentivos, as comunidades de usuarios teñen que estar constituídas legalmente.