Na web www.eumerconalaracha.alaracha.gal xa pode consultarse a listaxe das 1.108 persoas que teñen concedidos os bonos do programa Eu merco na Laracha, impulsado polo Concello co propósito de dinamizar e reactivar o comercio local subvencionando as compras dos cidadáns. Tamén está dispoñible para a súa consulta a listaxe provisional dos solicitantes que non cumpren os requisitos por achegar información errónea ou por non estar empadroados no termo municipal da Laracha.
O seguinte paso para as persoas beneficiarias será recoller a súa chequeira por valor de trinta euros que conterá tres bonos de dez euros. Cada un deles será independente e poderá empregarse para descontar por cada gasto de vinte euros nas compras e consumos nos establecementos ou servizos adheridos, que tamén poden consultarse na web de Eu merco na Laracha.
Ditas chequeiras deben recollerse presencialmente no edificio administrativo da Laracha entre o 1 e o 7 de xuño de 9:30 a 14:30 h. O día 5 de xuño tamén se poderá facer o trámite en horario de tarde, de 16:30 a 19:00 h.
Para a recollida dos bonos deberase presentar o DNI orixinal do beneficiario. No caso de acudir en representación dunha persoa beneficiaria, requírese presentar tamén unha autorización por escrito.
O prazo para poder canxear os bonos nos establecementos e servizos adheridos a Eu merco na Laracha será do 5 ao 23 de xuño.