Concedidos os premios de ESO ao esforzo e á superación persoal de 20 estudantes


Un total de 20 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), entre eles un do IES Agra de Leborís da Laracha, veñen de resultar galardoados cos premios da Xunta de Galicia ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2020/21, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia.

Estes galardóns que cada ano convoca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, recoñecen a capacidade de superación destes alumnos que estudaron nese curso 4º de Secundaria e conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado. Para tal fin, a Consellería destina un total de 16.000 euros para estes premios a razón de 800 euros por cada un dos 20 galardóns que se conceden.
Cómpre subliñar que o obxectivo final destes galardóns é que os premiados sexan un exemplo para compañeiros e compañeiras en situacións similares, poñendo en valor o especial esforzo que supón acadar o éxito na escola para os estudantes que proceden de contornos socioculturais desfavorecidos, de contornos familiares disfuncionais, en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal ou a súa inserción social.