- O Concello será a sede do próximo congreso, que se celebrará en outubro sempre que a situación sanitaria o permita
Esta fin de semana Carballo debería ter acollido o Congreso Cidades que Camiñan pero, debido á situación sanitaria, este ano tivo que facerse de xeito telemático. No evento celebrouse a asemblea xeral e desde o Concello de Carballo participaron a concelleira de Planificación Urbana, que ademais forma parte da xunta directiva da rede, Milagros Lantes, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane.
O obxectivo da xuntanza, presidida polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi facer balance do ano 2020 e trazar as liñas mestras de actuación de cara aos vindeiros meses.
Sempre que a situación sanitaria o permita, o congreso que non puido celebrarse esta fin de semana terá lugar no mes de outubro na localidade de Carballo. Será o primeiro evento con participación das 15 entidades que se uniron á rede dende o ano 2020: A Coruña, Antas (Almería), Basauri e Bilbao (Bizkaia), Ceutí (Murcia), Getafe (Madrid), Logroño, Oleiros, Palma del Río (Córdoba), Soria, La Laguna (Santa Cruz de Tenerife), Iruña-Pamplona (Navarra), Eivissa-Ibiza e Vic (Barcelona), ademais da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo da Rede de Cidades que Camiñan é a mellora do espazo público a través de proxectos que fomenten a mobilidade peonil e, en relación directa con ela, hábitos de vida saudable e sostible, a accesibilidade universal, a seguridade viaria, a calidade do medio ambiente urbano e a autonomía infantil.