Concello da Coruña, Xunta e Estado pechan o acordo para construír a nova Intermodal

1 minutes read

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, viaxou a Madrid para pechar o convenio que suporá o impulso definitivo para a construción da Estación Intermodal. A rexedora asinou o convenio marco xunto ao ministro de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, José Luis Ábalos; a presidenta do ADIF, Isabel Pardo de Vera, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. O convenio especifica os compromisos de cada Administración e, polo tanto, permitirá iniciar as obras da estación, unha infraestrutura que axuntará o transporte ferroviario co de autobús na que cooperarán as tres administracións de forma conxunta. O proxecto terá un custo próximo aos 80 millóns de euros e está previsto que sexa cofinanciado con fondos europeos. O texto acordado establece que ADIF se encargará da parte da infraestrutura ferroviaria, mentres que a Xunta construirá a nova terminal de autobuses. O Concello urbanizará os accesos ao complexo e culminará os cambios urbanísticos necesarios que xa están en tramitación. Rey agradeceu o compromiso do ministro de Transportes, José Luís Ábalos, e da presidenta do ADIF, Isabel Pardo de Vera, para impulsar esta infraestrutura esencial para o futuro da cidade.