O Concello da Laracha e o Hospital Veterinario Xarope doaron á Asociación Amigos de los Perros –Protectora de Carballo- 400 quilos de penso co dobre obxectivo de colaborar coa citada entidade e mostrar o seu apoio ao labor que desenvolve en diferentes municipios da comarca de Bergantiños.
En representación do Concello da Laracha o alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, xunto a responsables da clínica Xarope, fixeron entrega dos sacos de comida para os cans ás responsables da asociación nas propias instalacións do centro veterinario situado na larachesa rúa Santa Lucía.
Amigos de los Perros xestiona un centro de acollida en Carballo e realiza unha importante función de acollida de cans abandonados na Laracha e noutros municipios próximos. Esta entidade ofrece a posibilidade a calquera particular que así o desexe de adoptar cans con todas as vacinas ao día e o correspondente microchip.