Concello de Malpica e Asociación Caldeirón presentaron as bases da XXI edición do Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”

1 minutes read

O alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga; o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano; a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro; e as integrantes da entidade Emma Abella e Olga Rodríguez presentaron este xoves a XXI edición do Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”, unha convocatoria xa consolidada como unha das citas de referencia da creación poética en lingua galega.

Organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, o certame mantén o seu obxectivo de promover a literatura en galego a través dunha proposta singular, que ao longo de máis de dúas décadas reuniu a numerosos autores e autoras e contribuíu á difusión da poesía erótica en galego.

Poderán participar todas as persoas autoras de calquera nacionalidade que presenten un libro inédito de temática erótica, escrito en lingua galega e non premiado con anterioridade. O premio está dotado con 1.500 euros, ademais da publicación da primeira edición da obra gañadora na colección Illas Sisargas da Editorial Caldeirón. Bases Illas Sisargas 26.pdf

As obras deberán remitirse en formato PDF ao enderezo electrónico premio@caldeiron.org, seguindo o sistema de plica establecido nas bases. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2026. Bases Illas Sisargas 26.pdf

Durante a presentación, os representantes do Concello e da Asociación Cultural Caldeirón animaron ás escritoras e escritores a participar nesta nova edición, destacando o prestixio acadado polo certame ao longo da súa traxectoria e a importancia de seguir apoiando iniciativas que fomenten a creación literaria e contribúan á proxección cultural de Malpica de Bergantiños.