Concello e Club Baloncesto Laracha renovan convenio para xestionar as Escolas Deportivas Municipais


O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e Eliseo Velo presidente do Club Baloncesto Laracha, asinaron –nun acto no que tamén estivo presente a concelleira de Deportes, Patricia Bello- a renovación do convenio de colaboración que implica que o club continuará xestionando as Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto cunha achega económica municipal de 8.000 euros para cooperar no financiamento dos gastos dos equipos de base. Ambas partes tamén continuarán mantendo unha estreita cooperación na planificación, organización e realización das actuacións necesarias para o fomento desta disciplina deportiva nas categorías inferiores.

Ademais, o club percibirá outra subvención municipal de 5.000 euros xa dentro da liña de axudas a entidades que o Concello convocada cada ano polo sistema de concorrencia competitiva. Por tanto, o C.B. Laracha percibirá este ano 13.000 euros de axudas directas por parte do Concello.

O C. B. Laracha conta actualmente cunhas 120 licencias federativas. Ademais dos equipos sénior masculino (que milita na segunda autonómica e que xa comezou a competición) e o sénior feminino (tamén encadrado na segunda división, con inicio de campionato previsto para mediados de decembro) conta con dous equipos cadetes (masculino e feminino), un preinfantil feminino, dous alevíns, un benxamín e un baby basket.

Os conxuntos de categorías de base están todos adestrando e teñen previsto iniciar a competición no mes de xaneiro a excepción do preinfantil feminino, que competirá en Liga Galega e ten programado o seu primeiro encontro para este sábado.

A actividade do C.B. Laracha –partidos como local e adestramentos- desenvólvese nos pavillóns Municipal da Laracha, IES Agra de Leborís e CEIP Otero Pedrayo que o Concello pon a disposición do club de xeito gratuíto.