Concello e comercio de Vimianzo tratan o desescalamento por videoconferencia

Foto.- Cedida.

O Concello de Vimianzo e os representantes do comercio e a hostalería do municipio celebraron a primeira xuntanza telemática para tratar o tema da actividade comercial con motivo do desescalamento. Nesta reunión deuse a coñecer o Plan de Acción para Reactivar a actividade comercial en todo o municipio, que se leva confeccionando desde hai varias semanas.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Benestar, María José Pose; Rosa Sánchez, técnica de desenvolvemento local; representantes da Policía local e máis de 40 hostaleiros e comerciantes asistiron a esta reunión.
Durante a xuntanza, de máis de tres horas de duración, tratáronse os temas vencellados ao futuro da vida económica da vila. Serviu de toma de contacto para futuras e escoitáronse as peticións e suxerencias dos alí presentes.
“Neste sentido foi tremendamente satisfactoria, xa que puidemos escoitarnos e debater construtivamente de cara ao futuro”, comenta a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.
Nesta liña, estanse a estudar os parámetros económicos para poder impulsar axudas económicas para o comercio local, e tamén se levarán a cabo tarefas de concienciación e formación en redes sociais. Remitiranse as guías e protocolos para información sanitaria, tanto para profesionais como para a clientela.
Establecéronse os parámetros para o reparto de soportes dos recipientes de xel hidroalcólico elaborados por GERCA a todas os comercios solicitantes; falouse da posibilidade de poñer a disposición a máquina de ozono adquirida polo Concello para efectuar tarefas máis intensivas de desinfección nos locais e establecementos do municipio, e tamén para planificar as actuacións cun préstamo rotatorio. Abordouse, do mesmo xeito, unha posible creación dunha plataforma en liña para abrir as posibilidades do mercado local, así como a aportación de ‘bonos’ para incentivar a compra de proximidade.
A valoración que fixo a alcaldesa foi “moi positiva, xa que a participación foi activa e dinámica, e sobre todo serviu para sentar as bases de futuros encontros. Estamos elaborando o plan de traballo e as respostas neste sentido son moi positivas”, destaca Mónica Rodríguez.