O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron os convenios de colaboración en virtude dos cales a institución provincial achega 120.000 euros para cofinanciar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e 80.000 para o programa de actividades dos centros socioculturais do ámbito rural. Con esta sinatura, mantense a colaboración entre ambas institucións para o mantemento dos centros socioculturais composteláns, neste caso o do Ensanche e os ubicados no ámbito rural da cidade.