Concello e Deputación inician a segunda fase da renovación da rede eléctrica do Castelo

1 minutes read
  • Xa en licitación, as obras contan cun orzamento total de 75.353,29 euros.

A Deputación da Coruña e o Concello de Vimianzo poñen en marcha a segunda fase do proxecto de reforma da instalación eléctrica do Castelo que xa se iniciara o pasado ano.

Na fase anterior realizouse a substitución de condutores e mecanismos de iluminación cun orzamento de 103.751,96 euros. Tamén se procedeu á colocación de cadros eléctricos novos e aparellos de emerxencia e sinalización, así como á instalación dunha nova toma de terra.

Nesta nova liña de actuación,na que se investirán 75.353,29 euros, buscarase a homoxeneidade da instalación completa mellorando a rede de datos, o sistema de alarma anti intrusión e anti incendios, a megafonía e o son ambiente nas estancias interiores na fortaleza soneirá, así como o son para eventos no patio interior e o sistema de protección contra raios.

Por ser o inmoble un Ben de Interese Cultural (BIC), a meirande parte das instalacións irán en superficie ou ocultas a través do mobiliario para non afectar á estrutura.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sinalou que esta segunda fase non é máis ca «unha rúbrica do compromiso adquirido» pola entidade co Concello para garantir o coidado e posta en valor dun dos «edificios máis senlleiros da provincia». Pola súa parte, a rexedora, Mónica Rodríguez, agradeceu á Deputación «os esforzos na conservación e preservación» no edificio.