O Concello da Coruña e a Deputación provincial renovan o seu convenio de colaboración para a xestión conxunta do Teatro Colón. O IMCE, como organismo municipal, continuará a facerse cargo da programación e desenvolvemento dos espectáculos do auditorio ata decembro de 2023.
A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinarán nos vindeiros días este acordo que foi aprobado en pleno polo ente provincial. Ambas entidades colaboran na xestión do Teatro Colón desde o ano 2018. O espazo é de propiedade provincial e está integrado na rede pública de espazos culturais da cidade.
O obxectivo deste acordo é contribuír a defender e divulgar os valores socioculturais da cidade, potenciar o desenvolvemento das actividades culturais no seu conxunto, levar a cabo e xestionar os programas do Concello relacionados con actividades culturais de interese para a cidadanía, xestionar e promocionar todos aqueles espectáculos que poidan dinamizar a oferta cultural da Coruña e xestionar as instalacións e o equipamento municipal.
Tanto o Concello como a Deputación salientan que a experiencia ao longo destes anos de colaboración no Teatro Colón foi moi positiva pola calidade da programación, cunha alta asistencia de público aos espectáculos programados e unha valoración moi favorable, tal e como reflicten as enquisas.