Segundo trasladou o rexedor, Abel Caballero, este luns quedou constituída esa mesa de traballo entre Concello e hostalería de Vigo co fin de concienciar sobre o risco Covid entre a poboación máis nova, buscando alternativas ao botellón e opcións de “ocio accesible e moi moi seguro”. Citou, por exemplo, as cafeterías ou terrazas onde se cumpre a normativa sanitaria ou mesmo os “vinte e cinco concertos organizados polo goberno municipal na fin de semana que foron ocio seguro ao 100%”.
O alcalde adiantou que en breve contarán coas primeiras conclusións da mesa de traballo que seguramente irán orientadas a desenvolver campañas informativas de concienciación sobre a importancia de poñer en práctica o ocio seguro, regrado, coa celebración de festas seguindo a normativa Covid para “contribuír colectivamente a frear a pandemia na cidade”. Neste sentido valorou como “moi positiva a cooperación hostalería e Concello”.
Sobre a fin de semana, salientou Abel Caballero que “de novo conseguimos parar os botellóns” na cidade, con presenza e control por parte da Policía Local e con bo comportamento social. Con todo, advertiu que a evolución da pandemia na cidade “require prudencia e cautela da cidadanía”.