A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo, en colaboración con Protección Civil deste municipio, están a promover o desenvolvemento da campaña especial “Verán 23. Ti es o protagonista” que achega o solidario xesto da doazón de sangue a toda a xeografía galega. A iniciativa foi presentada nunha rolda de prensa que tivo lugar no consistorio de Carballo, que contou coa presenza da directora de ADOS, Marisa López García; do alcalde, Evencio Ferrero; do concelleiro de Praias, Miguel Vales, e do coordinador de Protección Civil, Javier Souto.
A unidade móbil de ADOS estará na Praza do Concello de Carballo o xoves 3 e venres 4 de agosto, das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas, así como o sábado 5 de agosto, das 10:00 ás 15:00 horas, para poder atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña en colaboración co Concello e Protección Civil de Carballo, destinada a promover e incentivar a participación neste xesto solidario. ADOS lembra que para doar sangue, debemos ser maiores de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.