Concellos galegos piden ó Estado que free as viaxes ao detectar preparativos para a Semana Santa

1 minutes read
  • Os gobernos locais móstranse preocupados polas «posibles consecuencias sanitarias» que traerían consigo esas viaxes

Varios concellos turísticos galegos temen que a pesares das advertencias e das sancións que trae consigo non cumprir o confinamento polo Estado de Alarma, a xente aproveite os días previos á Semana Santa para fuxir á segundas residencias.

Segundo o xornal Praza Pública, nos últimos días a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) recibiu alertas de «varios concellos» xa que «están percibindo preparativos en segundas residencias» e nalgúns casos, «trátase de máis que sospeitas». Nos consistorios, afirma a Fegamp, existe a «constatación da vontade de traslado por parte dos propietarios das vivendas».

A FEGAMP sinalou que existe «preocupación» nos gobernos locais polas «posibles consecuencias sanitarias» que traerían consigo esas viaxes e por iso piden axuda ao Estado para frear estes desprazamentos.