Concentración de apoio a Palestina en Corcubión

1 minutes read

A praza Castelao de Corcubión volveu a acoller este xoves 13 de novembro unha concentración de solidariedade con Palestina, no marco dunha nova xornada de mobilizacións convocadas pola Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina, desenvolvidas en máis de 40 localidades de Galiza. Na concentración de Corcubión, que foi apoiada polo BNG Costa da Morte, deuse lectura a un manifesto no que se denunciou que o sionismo e o imperialismo non queren paz ningunha. O que lle interesa, en todo caso, é relaxar a presión sobre Israel e desviar o foco de atención. 

Cúmprese un mes da asinatura do chamado «plano de Paz» de Trump para a Palestina, que obrigaba a Israel a deter as agresións sobre a Faixa de Gaza e propuña que a zona pasase a ser «administrada» baixo un goberno tecnocrático. Neste mes, corroborouse que nin ese «plano de paz» nin os acordos coa Resistencia se están a cumprir. Pois seguen existindo sistemáticas violacións desa «paz» por parte de Israel, que reiniciou os bombardeos e continúa o bloqueo práctico da Faixa, e que seguiu deixando novas vítimas palestinas cada día.