Coincidindo co 45 aniversario da proclamación de Xoán Carlos I como rei, celebrouse na Coruña unha concentración en contra da monarquía. Os participantes, convocados pola Plataforma pola República, reivindicaron o “dereito a decidir” nun referendo sobre a forma do Estado. A protesta, serviu tamén para esixir que se investiguen todo os ingresos da familia real. Sosteñen que a monarquía é “incompatíbel” co sistema democrático. “A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas”, afirman. Durante a lectura do manifesto tamén houbo críticas ao Goberno por facilitar a marcha do rei emérito aos Emiratos Árabes.