- Todas as mulleres da corporación municipal participarán nun “lipdub” reivindicativo que se presentará o 8 de marzo
Adaptarse aos tempos que corren é algo que o Concello de Carballo ten moi claro. Co contexto sanitario do último ano, desde a Concellaría de Cultura promovéronse diversos espectáculos que se podían seguir a través das redes sociais e, aproveitando as plataformas dixitais, a corporación local organiza para este luns unha concentración virtual para conmemorar o Día da Muller. Esta manifestación telemática comezará ás 20:00 horas e calquera persoa do mundo poderá participar en tempo real conectándose á esta páxina web. O acto durará 15 minutos e rematará coa lectura do manifesto do 8M aprobado polo municipalismo galego a través da Fegamp. Será unha lectura coral, coa participación das nove concelleiras da corporación municipal.
Pero a implicación das mulleres de todos os partidos vai máis alá, xa que tamén participan nun “lipdub” que se presentará o mesmo luns 8 ás 08.00 horas a través das redes sociais do Concello de Carballo. As concelleiras interpretarán un fragmento do tema “Que non mo neguen”, das Tanxugueiras. No vídeo tamén colaboran mulleres de Grupo Calvo, Supermercados Familia, Balcotex, Parque de Bombeiros, Oficina de documentación da Policía Nacional, restaurante Pementa Rosa, Bergantiños FC, Agrupación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena e Biblioteca Rego da Balsa.
Máis actividades
O primeiro acto en honor ao 8M iniciuse en Carballo o pasado día 24 de febreiro, Día de Rosalía, cando se comezaron a colocar diferentes placas de color morada nas rúas con nomes de mulleres que loitaron pola igualdade.
Outra acción simbólica será a iluminación da Casa de Concello de color morada durante as noites do domingo 7 e o luns 8. Ademais, coa colaboración de Ecovidrio, a vindeira semana colocaranse colectores de vidro da mesma cor dedicados a tres mulleres galegas que destacaron na loita feminista: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal.
As actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade arredor do 8M inclúen, por último, unha campaña de divulgación do Centro de Información á Muller (CIM) que se levará a cabo nas vindeiras semanas en centros de educación secundaria e establecementos comerciais.