- En Carballo será ás 19.00 horas na Praza do Concello, mentres que a da Laracha está prevista para ás 21.00 horas
Este martes haberá concentracións e manifestacións en varios puntos da Costa da Morte en repulsa á agresión machista que sufriu unha veciña de Carballo, presuntamente, a mans da súa parella durante a madrugada do domingo ao luns. A vítima, de 43 anos e con dous fillos pequenos, segue en estado crítico no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) debido ás graves lesións.
O pleno carballés comezou este luns cunha declaración institucional de condena e cunha convocatoria para concentrarse este martes, ás 19.00 horas, na Praza do Concello. «[…] Esa brutalidade, que hoxe sufrimos todas e todos, cunha nai de familia, unha irmá, unha filla, unha amiga… Debaténdose entre a vida e a morte. E iso ten que facernos reflexionar sobre todos os casos de violencia de xénero que se producen cada día á nosa beira e que permanecen agochados dentro dos fogares, nese ámbito do que hai quen non quere que saian porque seguen negando a evidencia dunha violencia que agride, e tamén mata, ás mulleres polo simple feito de selo», manifestou o rexedor, Evencio Ferrero.
Na Laracha haberá un acto ás 21.00 horas en sinal de condena á esta agresión. Será diante da casa consistorial.
O Concello de Malpica tamén convocou unha concentración para este martes ás 11.00 horas na praza Anselmo Villar Amigo. Unha hora antes celebrouse outra diante da Casa do Concello de Ponteceso.
Teléfono de asistencia e axuda
As persoas vítimas de violencia de xénero poden chamar ao 016 a calquera hora do día e da noite. O servizo ofrécese en máis de 50 idiomas. Tamén se presta atención a través do WhatsApp 600 000 016 e o mail 016-online@igualdad.gob.es. Os menores poden dirixirse á Fundación ANAR no 900 20 20 10.
En presenza de calquera tipo de agresión a cidadanía debe chamar ao 112, á Policía Nacional (091) ou á Garda Civil (062).