Dentro do convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Manuel Facal, está previsto a organización dunha serie de actividades de homenaxe polo 80º aniversario do artista Manuel Facal e que se desenvolverán ata fin de ano.
O novo acto celebrarase o venres 15 de setembro, ás 20:30 horas no Espazo Casino 1889. Tomarán a palabra Xaime Díaz, Manuel Facal e o Alcalde de Carballo para dar a benvida e falar do proxecto de Carbajazz. A idea inicial da Fundación é facer un festival jazz, de periocidade anual e e na que participen sobre todo músicos galegos e portugueses, mais tamén doutras nacionalidades. O galego é un valor cultural que nos identifica como pobo e que nos conecta coa comunidade lusófona de case 200 millóns de persoas que falan portugués, xa que a intercomprensión entre ambas as linguas é posible sen necesidade de mediación. O portugués, nado na antiga Gallaecia, é idioma de traballo de 20 organizacións internacionais, incluída a Unión Europea, así como lingua oficial de Portugal e Brasil. A continuación farase a presentación do cuarteto Lois Rivera Quartet que ofrecerán unha sesión improvisada na que interpretarán diversos temas en directo durante unha hora. O grupo reúne a catro das novas promesas do jazz galego. Tras anos tocando xuntos en diversas formacións, decidiron conformar un grupo moderno, sólido e cun son maduro. O cuarteto está formado polos músicos Lois Rivera aos saxos, Alber Grela á guitarra, Miguel Piñeiro ao contrabaixo e Brais Villar á batería.