Concertos, festivais e verbenas poderán volver a celebrarse con aforos de ata 10.000 persoas


Este sábado anunciáronse os protocolos para a celebración de espectáculos ao aire libre en Galicia. Todo apunta a que o pistoletazo de saída podería ser no mes de xullo. Aínda que se realizará unha proba piloto o 19 de xuño nas catro provincias galegas.

Así o avanzaban este sábado en Pontevedra, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. 

As normas variarán en función de dúas modalidades: a dos formatos culturais pequenos e a que se refire a grandes eventos.

No tocante aos formatos culturais pequenos, de ata 1.000 persoas, non se podería comer nin beber, habería que usar a máscara e manter unha distancia de 1,5 metros. O público podería estar de pé. Así mesmo, tamén se fixo alusión ao rexistro de asistentes.

Para os grandes eventos, de máis de 1.000 persoas e ata 5.000, poderían chegar ás 10.000 no caso de certos recintos, estableceríanse as seguintes normas: poderíase comer, sería obrigatorio o uso de máscara e habería rexistro de asistencia. Os asistentes agruparíanse por sectores. Neste caso, o público tería que estar sentado.