Conclúen actuacións de mellora da rede viaria nas parroquias larachesas de Torás, Vilaño e Lestón

1 minutes read

O Concello da Laracha vén de completar novas actuacións de mellora da rede viaria municipal en tres parroquias do termo municipal. En concreto, os traballos realizáronse na estrada entre Estramil e A Ponte Martiño, na zona da Braña (Torás), na Areosa (Vilaño) e na Grela (Lestón).

Nas tres localizacións procedeuse á renovación da superficie de rodadura, previa limpeza das cunetas e acondicionamento dos sobreanchos. No caso da Grela, os traballos incluíron tamén a ampliación da rede de abastecemento de auga para poder dar servizo ás novas vivendas construídas nese núcleo. As actuacións quedarán completamente rematadas nos próximos días coa execución da sinalización horizontal e vertical.

As próximas actuacións previstas levaranse a cabo na estrada entre  Borreiros e Santa Baia, na parroquia de Soandres.

O orzamento total das catro intervencións supera os 165.000 euros.

Estas obras forman parte da planificación municipal para a conservación e mellora progresiva da extensa rede viaria do Concello, dando así resposta ás necesidades que se presentan ao longo do territorio e manter en boas condicións as vías de comunicación que utilizan diariamente a veciñanza nos máis de trescentos núcleos de poboación cos que conta A Laracha.