Conclúen as obras da estrada das Fraguas, entre Muxía e Cee


O alcalde de Muxía, Iago Toba, e o concelleiro de Obras, Parroquias e Medio Rural, Javier Romar, supervisaron o resultado das obras que se realizaron na estrada das Fraguas. Trátase dunha infraestrutura que o goberno local cualifica como “estratéxica”, na medida en que une o núcleo muxián co concello de Cee.

Estas actuacións, que se financiaron con fondos provinciais, supuxeron a ampliación do ancho da estrada e a colocación de nova sinalización horizontal e vertical. O tráfico neste punto quedou restablecido desde o pasado venres á tarde.

En paralelo, e tras a reunión mantida co xerente de Estradas da Xunta de Galicia, Felipe de la Vega, executouse outro tramo da estrada autonómica que dá acceso á estrada das Fraguas. A realización destes labores fíxose usando os mesmos materiais construtivos, garantindo así a continuidade entre ambas as vías.

Segundo informan dende o Concello, ambas as dúas intervencións manteñen a liña de traballo do equipo de goberno para mellorar as condicións de seguridade viaria en todo o termo municipal.