O Concello vén de concluír a execución das obras contempladas no proxecto de mellora das infraestruturas e servizos na Botica (parroquia de Vilaño), un núcleo próximo ao casco urbano da Laracha que está a rexistrar un importante incremento poboacional.
A finalidade da actuación foi ampliar as redes de saneamento de residuais e de abastecemento de auga para aumentar a cobertura nese lugar e dar servizo tanto a vivendas xa existentes como ás que están proxectadas e que contan coa preceptiva licenza de obra municipal. Completáronse os traballos coa mellora da rede de recollida de pluviais e a pavimentación dunha vía secundaria que enlaza coa estrada que comunica A Botica con O Pino, incluíndo a sinalización horizontal e vertical.
Precisamente o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras, Pablo Cambón, acudiron ao lugar das actuacións para supervisar os labores de pintado das marcas viarias que se realizaron ao longo da mañá deste luns.
O investimento alcanza os 47.000 euros que o Concello financia integramente con fondos propios municipais.