Conclúen as obras que evitarán novas inundacións na rúa Teresa Fabeiro Caamaño de Negreira


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, supervisaron as obras de reurbanización e canalización de pluviais acometidas na rúa Teresa Fabeiro Caamaño, no centro urbán da locallidade. Na visita estuveron tamén os deputados provinciais Blas García e Antonio Leira. Os traballos, recentemente rematados, “servirán para evitar as inundacións que se producían cada inverno en sotos, garaxes e baixos comerciais e que afectaban a outras rúas adxacentes coma a rúa Rosalía de Castro ou Rúa de Castelao, así como para eliminar o retorno de augas fecais que afectaba ao CEIP O Coto debido ao exceso de caudal e aos continuos atascos que se producían na anterior rede de saneamento”, explicou o alcalde, Manuel Ángel Leis, que agradeceu ao presidente da Deputación que atendera esta antiga demanda do Goberno municipal.