O Concello de Vimianzo vén de concluír as obras de renovación da pavimentación no lugar de Xora, na parroquia de Treos. Con esta obra, incluída no POS+2024, logrouse mellorar a rúa principal do núcleo e garantir unhas condicións máis funcionais e seguras para a veciñanza.
A intervención, dotada cun orzamento de 163.242,23 euros, incluíu a pavimentación da maior parte da superficie en formigón. Outras pequenas zonas incorporaron lastras de granito.
A maiores, tamén se procedeu á instalación dunha rede de recollida de augas pluviais e á preinstalación para o saneamento de augas residuais, buscando evitar futuras roturas de pavimento cando se execute o saneamento definitivo do núcleo.
O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, destacou que esta intervención era “moi solicitada polos veciños e veciñas do lugar, que agora poden gozar dunha estrada moito máis segura e funcional” e salientou a intención “de seguir mellorando, pouco a pouco, as infraestruturas das nosas parroquias”.