Concluíron as obras de mellora da estrada e de creación da rede de saneamento no núcleo da Esquipa, na Laracha

1 minutes read

Tratouse dunha actuación que foi posible grazas ao convenio de colaboración entre os Concellos da Laracha e de Arteixo por ser unha zona limítrofe entre ambos municipios, concretamente nas parroquias de Lendo (A Laracha) e Monteagudo (Arteixo).

Aínda que a maior parte da intervención afectou a territorio de Arteixo, a totalidade das actuacións son beneficiosas para a veciñanza dos dous termos municipais ao tratarse dun proxecto que supuxo a mellora dos equipamentos e servizos da Esquipa, facendo ese núcleo de poboación máis accesible, sostible e respectuoso co medio ambiente. Ademais de dotalo co servizo de saneamento mediante a creación da rede de sumidoiros e dunha estación depuradora de augas residuais, foi ampliada a plataforma da calzada e mellorada a estrada en beneficio dos condutores e dos peóns.

O proxecto supuxo un investimento de 510.000 euros, contándose cunha subvención do 50 % da Xunta de Galicia a través do Fondo de Cooperación Local para investimentos de carácter estratéxico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A veciñanza da zona organizou un acto festivo para celebrar a conclusión da execución das obras á que asistiron representantes de ambos Concellos: entre eles o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e o tenente alcalde da Laracha, José Ramón Martínez Barbeito.