Concurrida andaina interpretativa pola defensa da lagoa de Alcaián

2 minutes read
  • A ruta tivo lugar este domingo pola mañá e as persoas participantes puideron comprobar a gran riqueza medioambiental e paisaxística deste espazo natural protexido.

Ao redor dunhas 50 persoas déronse cita este domingo pola mañá no lugar de O Campelo (Coristanco) para realizar unha nova andaina coa que reivindicar, neste caso, a defensa do espazo natural da lagoa de Alcaián un L.I.C. cualificado como “Área de especial protección paisaxística” e que agora se atopa ameazada pola instalación prevista na a súa contorna de ata 27 muíños para a produción de enerxía eólica.
A camiñada estivo organizada pola Plataforma Non + Eólicos Bustelo Campelo Toural e contou tamén coa colaboración da asociación ambiental Verdegaia. Ao longo do percorrido fixéronse varias paradas para observar e comentar a flora e a fauna do lugar, xa que na zona habitan varias especies vulnerables, tanto animais como vexetais, moitas delas en perigo de extinción. É o caso de pequenos réptiles como o lagarto silvestre, o pintafontes ou a ra de San Antón e aves como a tartaraña cincenta , o picanzo vermello ou o sisón. Precisamente para as aves, a instalación dos parques eólicos é particularmente perigosa xa que se relaciona a morte de numerosos exemplares con golpes producidos polas aspas dos aeroxeradores.
Centaurea Ultreiae
No que se refire á flora, a contorna da lagoa de Alcaián é unha zona de crecemento da especies protexidas como a Lycopediella inundata, a Euphorbia uliginosa, a Centaurea ultreiae ou a Spiranthes aestivalis. Durante o percorrido puidéronse observar varios tipos de fentos, droseras, que axudan a manter o equilibrio do ecosistema ademais de seren moi apreciadas para o desenvolvemento medicinal, e tamén se atoparon varios exemplares de Centaurea ultreiae, unha especie xa moi castigada pola instalación no seu momento do parque eólico do Monte Castelo. Esta última especie é unha das máis vulnerables da zona xa que este é o único lugar do mundo onde se pode atopar. Quedan moi poucos exemplares e os movementos de terras necesarios para a instalación dos muíños, as subestacións eléctricas e as liñas de alta tensión, poderían poñer fin á súa existencia de xeito definitivo.

Centaurea Ultreiae vista este domingo en Alcaián.