- Tamén haberá cine, xogos e espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar
Outro ano máis, o concurso de Entroido na Laracha non se desenvolverá como é tradición. Así o decidiron desde o goberno local debido á situación epidemiolóxica actual. Sen embargo, dada a importancia desta festividade no municipio, sendo o Martes de Entroido festivo local cada ano, o Concello organiza un concurso de disfraces virtual para que os cidadáns a título individual e as asociacións poidan festexar estas festas mostrando o seu enxeño e creatividade.
Nesta ocasión o certame constará de categorías individual infantil, individual adultos, parellas, grupos e comparsas. Nas catro primeiras poderase participar achegando unha única foto, mentres que na categoría de comparsas requírese a gravación dun vídeo cun mínimo de cinco participantes.
O Concello destinará aos premios un total de 2.620 euros establecéndose dúas modalidades de participación. Unha delas será a do xurado, que valorará aspectos como a estética, orixinalidade, creatividade e posta en escena. Tamén haberá un concurso na páxina de Facebook, no que os usuarios da rede social decidirán os gañadores cos seus “gústames”. Serán premiados os tres participantes de cada categoría mellor valorados polo xurado e máis votados en Facebook, podendo cada participante lograr un premio por cada modalidade.
A inscrición está limitada a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha. O prazo para presentar as fotografías e vídeos estará aberto ata o día 27 de febreiro e pode realizarse cubrindo o formulario dispoñible na web municipal www.alaracha.gal.
Eventos culturais para o público infantil
Ademais do concurso de disfraces, durante a semana do Entroido o Concello ofertará unha ampla variedade de propostas culturais dirixidas ao público infantil e familiar que se levarán a cabo nas vilas da Laracha, Paiosaco e Caión.
- Domingo 27 de febreiro. Espectáculo infantil de sombras: Alén, da Asociación Teatral Paso de Valverde. Centro sociocultural de Paiosaco, 12:00 h.
- Luns 28 de febreiro. Xogos populares: Os xogos do Paporrubio. Pavillón do IES Agra de Leborís, de 16:30 a 19:00 h.
- Martes 1 de marzo. Cine infantil: Dumbo. Casa da Cultura da Laracha, 12:00 h.
- Martes 1 de marzo. Espectáculo de maxia: Homus Pocus, co Mago Paco. Centro sociocomunitario de Caión, 17:00 h.
- Mércores 2 de marzo. Cine infantil: Nocturna, unha aventura máxica. Centro sociocomunitario de Caión, 12:00 h.
- Mércores 2 de marzo. Teatro infantil: Cantaxoga, de Migallas Teatro. Casa da Cultura da Laracha, 17:00 h.