- O prazo para participar remata o día 20 de novembro, e as propostas deberán enviarse a microrrelatosvgvimianzo@gmail.com
O Concello de Vimianzo deseñou un concurso de microrrelatos contra a violencia de xénero de cara ao 25 de novembro, data na que se celebra o «Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller». O prazo para participar no mesmo remata o día 20 e non existe idade mínima. As propostas enviaranse ao enderezo electrónico microrrelatosvgvimianzo@gmail.com.
Os relatos, que deberán comezar coa base «Naceu muller nunha aldea», estarán escritos en galego e non poderán exceder as 100 palabras. A temática basearase na violencia de xénero e haberá varios premios a consumir en establecementos de Vimianzo: unha estancia dunha noite para dúas persoas (1º premio), unha cea ou xantar para dúas persoas (2º premio) e unha bolsa de produtos (3º premio).
O xurado estará composto por catro persoas especializadas en escritura creativa e igualdade de xénero. O fallo do concurso publicarase a partir do 25 de novembro.